publica-se às 3ªs e 6ªs
coordenação Pedro Godinho
Daniel Castelão foi o nome escolhido para o 2º Dia das Letras Galegas (1964), vendo assim reconhecida a importância da sua obra para a língua galega.
Artista, escritor e político é considerado um dos fundadores do nacionalismo galego.
Entre a narrativa de Castelão encontra-se Retrincos, um conjunto de cinco relatos sobre a condição humano, publicado em 1934.
O RETRATO (de Retrincos)
Por amainala conciencia guindei co meu título de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial; mais unha noite foron requiridos os meus servicios.
Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Deume as "boas noites" e rompeu a chorar, e por entre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que soamente logrou dicirme que tiña un fillo a morrer.
O pobre pai turraba por min, e eu deixábame levar, enfeitizado pola súa dor. Despois de todo eu era médico titulado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de compracelo que sentín xurdir nos meus adentros unha grande ciencia...
Cando chegamos á casa de Melchor logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento confeseille que sabía pouco da carreira...
-Repara que hai moitos anos que non visito enfermos.
E entón Melchor, facendo un esforzo, díxome quedamente:
-O meu fillo xa non precisa de médicos. Eu xa sei que o coitado non pasa da noite. E váiseme, señor; ¡váiseme e non teño ningún retrato seu!
Ai, eu non fora chamado como médico; eu fora chamado como retratista, e no intre sentín ganas acedas de botarme a rir.
E por verme ceibe de xeira tan macabra díxenlle que unha fotografía era mellor ca un deseño, asegureille que de noite poden facerse fotografías, e botando man de moitos razonamentos logrei que Melchor largase de min á cata dun fotógrafo.
A cousa quedaba arrombada, e funme durmir, con mil ideas ensarilladas na chola.
Cando estaba prendendo no sono petaron na miña porta. Era Melchor.
- Os fotógrafos din que non teñen magnesio!
E díxomo tremendo de anguria. A face albeira, e os ollos coma dous tetos de carne vermella de tanto chorar.
Endexamais fitei a un home tan desfeito pola dor.
Pregaba, pregaba, e collíame as mans, e turraba por min, e o malpocado dicía cousas que me rachaban as entrañas:
- Considérese, señor. Dous riscos de vostede nun papel e xa poderei ollar sempre a cariña do meu neno. Non me deixe na escuridade, señor!
Quen teria corazón para negarse! Collín papel e lapis, e alá me fun con Melchor, disposto a facer un retrato do rapaz moribundo.
Todo estaba quedo e todo estaba calado. Unha luz cansa alumeaba, en amarelo, dúas facianas arrepiantes que ventaban a morte. O neno era o centro daquela pobreza da materia.
Sen dicir nada senteime a debuxalo que ollaban os meus ollos de terra, e soamente ó cabo dalgún tempo conseguín afacerme ó drama que fitaba e aínda esquecelo un pouco, para poder traballar afervoado, coma un artista. E cando o deseño estaba xa no seu punto a voz de Melchor, agrandada por tanto silencio, feriume con estas verbas:
- Pola alma dos seus defuntos, non mo retrate así. Non lle poña esa cara tan encoveirada e tan triste!
Confeso que ó volver á realidade non souben que facer, e púxenme a repasalas liñas xa feitas do retrato. O silencio foi esgazado novamente por Melchor:
- Vostede ben sabe como era o meu rapaciño. Faga memoria, señor, e debúxemo rindo.
De súpeto naceume unha grande idea. Rachei o traballo, ensumín o meu ollar nun novo papel branco e debuxei un neno imaxinario. Inventei un neno moi bonito, moi bonito: un anxo de retábulo barroco, a sorrir.
Entreguei o debuxo e saín fuxindo, e no intre de poñe-lo pé na rúa sentin que choraban dentro da casa. A morte viñera.
Agora Melchor consólase ollando a miña obra, que está pendurada enriba da cómoda, e sempre di coa mellor fe do mundo:
- Tiven moitos fillos, pero o máis bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o retrato que non minte.
Pontevedra, 1922
Como a sua escrita, os desenhos e caricaturas de Castelão são marcados pela crítica social.
Sem comentários:
Enviar um comentário